24/4/08

S.O.S NAIS E PAIS

BIBLIOTECA MUNICIPAL DO PORRIÑO
Centro de interese "SOS nais e pais: guía de lectura para educadores"
descarga o tríptico informativo
Educar aos fillos e fillas é un compromiso moi grande, dado que pretendemos que crezan sans e felices. Sen embargo, non é esta tarefa doada, e moitas veces nais e pais atopan problemas no desenvolvemento educativo ou mesmo físico dos menores que chegan a desbordalos. Dende esta guía non ofrecemos solucións máxicas, senón un conxunto de lecturas, presente na nosa biblioteca, que poden servir de complemento e axuda nos momentos de desorientación nos que se pode caer cando un se atopa na transcendente e marabillosa situación de educar a un fillo ou filla.
A guía de lectura remítese a centros escolares e educativos, públicos e privados, garderías, APA´s e asociacións. O centro de interese está disposto á entrada da Sala Infantil e Xuvenil da biblioteca, e está composto por libros que tratan os seguintes temas:
Adopción, autoestima, bebés, consumismo, control de esfínteres, xénero, divorcio, morte, sexualidade, drogas, alcohol, escola, medos, mentiras, xemelgos, lecturas curativas, nenos hiperactivos, obediencia e disciplina, pelexas e agresividade, relacións entre irmáns e amigos, sono, televisión e ordenadores, educando en valores, creatividade e estimulación, trastornos alimentarios, anorexia e bulimia. http://www.centroculturalporrino.com/BIBLIOTECA/ACTIVIDADES/CENTRO_INTERESE/SOS_PAISENAIS/caraB.pdf>">

GUÍA DE USO DA BIBLIOTECA.

1. Organización dos fondos.

- Os libros están distribuidos por ciclos, correspondéndolle a cada un un moble independente do seguinte xeito:
Libros en castelán:
MOBLE A-------------------------3º Ciclo
MOBLE B-------------------------2º Ciclo.
MOBLE C-------------------------1º Ciclo.
MOBLE D-------------------------Ed. Infantil.
Libros en galego:
MOBLE E-------------------------1º Ciclo e Ed. Infantil.
MOBLE F-------------------------2º Ciclo.
MOBLE G-------------------------3º Ciclo.
Libros de divulgación en galego e castelán: MOBLE H.
Moble de banda deseñada.
Moble de enciclopedias, dicionarios, atlas e consulta xeral para alumnado e profesorado.

- Todos os libros están identificados cunha sinatura que indica o moble no que está situado, o andel e mais o número de orde.
(A-5-8: Moble A, andel 5, 8º libro).


2.-Uso da biblioteca escolar.

- Cada curso terá asignada unha hora na que baixarán co seu titor/a e na que se fará o préstamo e devolucións, así coma o uso de ordenador, se o precisaran.
- As horas non asignadas poderanse utilizar para actividades relacionadas coa biblioteca.


3.-Normas xerais.

- Na biblioteca deberase estar en silencio.
- Non se permitirá o acceso á mesma con ningún tipo de comida nin bebida.
- O uso dos libros será sempre coidadoso e sen quitarlle ningunha pegatina, poñendo en coñecemento do docente encargado/a calquera estrago detectado.
- Os libros usados haberá que deixalos no mesmo sitio.
- O ordenador pode utilizarse para consultar enciclopedias, diccionarios, CD ROM, para buscar información en Internet…

4.-Préstamo.

- Os préstamos quedarán rexistrados no libro correspondente indicando signatura, título, alumno/a e as datas de entrega e recollida.
- O prazo máximo de préstamo será de 15 días. Poderá prorrogarse se o libro non ten moita demanda.
- O retraso na devolución dun libro será posto en coñecemento do prestatario/a a fin de que corrixa de inmediato a situación.
- Cada lector/a é responsable dos libros que toma en préstamo, e en caso de deterioralo ou perdelo terá que repoñelo ou ben aboar o importe actualizado do mesmo.
- As enciclopedias, dicionarios, atlas e libros de consulta non son prestables, xa que deben estar ao servizo de todo os usuarios.
- Biblioteca de aula.O profesor titor pode retirar mensualmente ou trimestralmente un lote de libros para formar a súa biblioteca de aula e poder ler na clase.Este lote de libros terá que quedar rexistrado no libro de préstamos.
- Para unha boa organización, 15 días antes de rematar o curso, cada profesor entregará ao encargado/a da biblioteca todos os volúmes que teña na súa biblioteca de aula.
- Durante o mes de xuño non se fará préstamo para poder facer o inventario.


5.-Participación.

O alumnado e profesorado pode participar na xestión da biblioteca escolar de diversos xeitos:

- A través do “Caixón de suxerencias” poden facer propostas.
-“O meu libro favorito”, é unha estantería na que o alumnado coloca os libros que despois de lelos recomendaría aos seus compañeiros.
- O alumnado de segundo e terceiro ciclo de Primaria poderá voluntariamente colaborar coas tarefas da biblioteca durante os recreos. Existirá un horario para distribuir a axuda.

10/4/08

AXENDA CULTURAL


BIBLIOTECA MUNICIPAL DO PORRIÑO
actividades — animación á lectura Lúa ConLuvas
Horario: tódolos xoves de 18,30 a 19,30 horas De balde, non fai falla anotación previa.

O proxecto de “Lúa Conluvas”, iniciado no 2005 con grande éxito, é un proxecto de animación á lectura destiñado a nenos de entre 6 e 12 anos, que se entende como unha proposta didáctica e divertida ó mesmo tempo. Con ela persíguese como obxectivo primordial espertar a imaxinación e a fantasía dos nenos, para descubrir a lectura coma pracer de ler contos, historias e fábulas, e, como finalidade, a importancia da multiculturalidade. “Lúa Conluvas”, exploradora e viaxeira incansábel, leva sempre consigo unha maleta que a acompaña nas súas viaxes, e onde garda os recordos de cada país visitado para contarlle os nenos e nenas a forma de vivir e sentir doutros pobos do mundo. Cada semana volve cunha nova historia dun novo país, xunto cun conto do mesmo e unha froita típica representativa da súa gastronomía coa que merenda cos rapaces e rapazas.

DECÁLOGO DOS DEREITOS D@S NEN@S A ESCOITAR CONTOS

A Asociación Colombiana do Libro Infantil redactou o Decálogo de dereitos dos nenos a escoitar contos, que segue:
1. Todo neno* sen distinción de raza, idioma ou relixión, ten dereito a escoitar os máis fermosos contos da tradición oral dos pobos, especialmente aqueles que estimulen a súa imaxinación e a súa capacidade crítica.
2. Todo neno ten dereito a esixir que seus pais lle conten contos a calquera hora do día.Aqueles pais que sexan sorprendidos negándose a contar un conto a un neno, non só incorren nun grave delito de omisión culpable, senón que se están autocondenando a que seus fillos endexamais lles volvan pedir outro conto.
3. Todo neno que por algunha razón non teña a ninguén que lle conte contos, ten absoluto dereito a pedirlle ao adulto da súa preferencia que llos conte, sempre que este amose que o fai con amor e tenrura, que é como se contan os contos.
4. Todo neno ten dereito a escoitar contos no colo dos seus avós. Aqueles que teñan vivos a seus catro avós poderán cederllos a outros nenos que por diversas razóns non teñan avós que llelos conten. Do mesmo xeito, aqueles avós que carezan de netos están en perfecta liberdade de acudir a escolas, parques e outros lugares de concentración infantil, onde poderán contar cantos contos queiran.
5. Todo neno está no dereito de saber quen son os principais autores de contos. As persoas adultas teñen a obriga de poñer ó alcance dos nenos todos os libros, contos e poemas deses autores.
6. Todo neno goza en plenitude de dereito de coñecer as fábulas lendas e mitos da tradición oral do seu país.
7. O neno tamén ten dereito a inventar e contar os seus propios contos, así como a modificar os xa existentes, creando a súa propia versión.
8. O neno ten dereito a esixir contos novos. Os adultos están na obriga de nutrirse permanentemente de novos e imaxinativos relatos, propios ou alleos, con reis ou sen eles, longos ou curtos. O único obrigatorio é que os contos sexan realmente fermosos.
9. O neno sempre ten dereito a pedir outro conto e a pedir que lle conten un milleiro de veces o mesmo conto.
10. Todo neno, por último, ten dereito a medrar acompañado das aventuras dos Tres Porquiños, dos Tres Osos, daquel cabalo que era tan bonito.... e do inmortal “había unha vez”, fórmula máxica que abre as portas da imaxinación na ruta cara os soños máis fermosos da nenez.

N.T.: *Emprégase o xenérico masculino, respectando o orixinal,
mais entenderase sempre nena e neno, ou neno e nena.